18 sept 2012

Banco de tempo Fervello



Hai case un ano empezou a funcionar en Santiago o banco de tempo Fervello. Falamos con Ángel Montero, un dos seus administradores.

Que é un banco de tempo?
Un banco de tempo é basicamente un intercambio de servizos entre persoas onde a única moeda é o tempo que se emprega para realizar eses servizos. Intercámbianse servizos de todo tipo, salvo aqueles que impliquen nocturnidade, insalubridade ou riscos, e en principio calquera persoa pode participar.

Cal é a filosofía que hai detrás desta idea?
A filosofía é que todos podemos axudar a outras persoas e outras persoas poden axudarnos a nós. O banco de tempo posibilita crear lazos entre persoas que doutro xeito non se coñecerían, coa idea de fondo de que todo o mundo ten algo que ofrecer. Hai xente que non se sinte capacitada para axudar a outras persoas, e o que se quere transmitir a través do banco de tempo é que todos somos necesarios para os demais, todos temos a capacidade de ensinar a outros e podemos ser altruístas todos os días, no noso tempo libre. Calquera cousa que se ofreza é importante, o traballo de todos vale o mesmo, porque vale o mesmo o tempo de lecer dun médico que dun parado, é igual de útil e valioso para outras persoas.

Como xurdiu a idea de montar un banco de tempo en Santiago?
Xurdiu no seo de Panxea. Un dos socios propuxera a posibilidade de crealo e logo entre varios fomos mirando outros bancos de tempo, cómo funcionaban, e intentamos adaptalo aquí, limitándoo a Santiago e comarca. Presentámolo nunhas xornadas da Universidade de Santiago nas que había un grupo de profesores e traballadores da USC que tamén querían montar un banco de tempo, así que chegamos a un acordo con eles para colaborar e que puidesen utilizar o noso sistema.
Como funciona?
A través da páxina web http://fervello.wadobo.com/ os participantes ofrecen e demandan servizos e póñense en contacto entre eles. As horas de duración dos servizos realizados vanse contabilizando. Hai un número máximo de horas en positivo e de horas en negativo, de tal xeito que a xente que demanda moitas cousas non se aproveite doutros, e que todas as persoas se vexan na obriga de ofrecer un servizo, inda que pensen que non poden, que caian na conta de que sempre lle poden prestar a súa axuda a alguén. Así, todo o mundo parte dun saldo cero cando entra no banco, e sempre se intenta ficar nese equilibrio cero, que significa que se ofrecen tantos servizos como se demandan. Cando alguén se achega ao límite recibe un e-mail para que reaccione e reequilibre a súa conta.   

Que hai que facer para poder participar?
Só hai que rexistrarse na páxina web e pór os datos persoais, describir quen es, por que te apuntas, que é o que buscas no banco. Os administradores valoran a petición e a partir de aí podes ofrecer e demandar servizos. 

Como valorades o funcionamento ata o de agora? Vedes interese?
No ano que levamos funcionando conseguimos ter preto de 70 persoas activas. No verán houbo un parón, porque moitos dos nosos usuarios son estudantes. Agora co comezo das clases a actividade volverá a pórse en funcionamento e agardamos que aumente o número de usuarios. 
Agora mesmo estamos pendentes de que se monte un comedor social do Foro de Inmigración e a Plataforma de Desempregados de Santiago, que queren empregar o banco de tempo para “cobrar” o servizo de comedor. A comida sería gratis para todo o mundo, pero o servizo de comedor habería que pagalo, o que se podería facer prestando servizos a través do banco de tempo, como varrer, arranxar cousas... É un xeito de que a xente se valore a si mesma, o que pode ofrecerlle aos outros, e valore tamén o que os demais lle ofrecen.

Ángel Montero é socio da Asociación para o Comercio Xusto e Solidario Panxea.
Se queres saber máis sobre Fervello podes mirar en http://bdtcompostela.tk

CdG

No hay comentarios:

Publicar un comentario