Un día do último novembro tivemos un extraordinario solpor.
Eu paseaba por un campo, onde nace un pequeno regato, cando o sol ao cabo
atinxiu, xusto antes de se pór, e logo dun día frío e gris, un estrato claro no
horizonte, e a máis suave e brillante luz matinal do sol caeu sobre a herba
seca, sobre as pólas das árbores do horizonte oposto e sobre as follas das
matas de carballos do outeiro, mentres as nosas sombras alongadas se
proxectaban no prado cara ao leste, como se fósemos as únicas pexas nos seus
raios. Tal era a luz que non a poderiamos ter imaxinado un momento antes, e o
ar tamén era tan morno e sereno que nada faltaba para facer un paraíso daquel
prado. Cando nos decatamos de que non se trataba dun fenómeno illado que nunca
máis se fora a repetir, senón que acontecería sempre, nun infindo número de tardes,
e que acariñaría e acougaría até á derradeira crianza que por alí pasase,
volveuse aínda máis glorioso.
O sol recóllese sobre algún prado retirado, onde non se ven
casas, con toda a gloria e esplendor que prodiga sobre as ciudades, e talvez
como nunca antes o fixera; apenas hai unha solitaria gatafornela coas asas
douradas na súa luz, ou só un rato do almiscre ollando dende o seu tobo; e hai
un pequeno regato de reflexos escuros no medio da braña, comenzando un meandro
que circunda sinuosa e lentamente un toco en descomposición. Camiñabamos nunha
luz tan pura e brillante, que douraba herba e follas secas, tan suave e
serenamente escintilante, que pensei nunca antes terme bañado en semellante
chorro de ouro, carente de toda ondulación ou murmurio. A cara oeste dos
bosques e as elevacións resplandecían coma os confíns do Elíseo, e o sol nas
nosas costas semellaba un pastor xentil guiándonos para a casa á tardiña.
Así vagamos cara á Terra Santa, até que un día o sol brille
con tanta intensidade coma nunca o fixo; brille talvez nas nosas mentes e
corazóns, e ilumine completamente as nosas vidas cunha inmensa luz que nos faga
acordar, tan cálida, serena e dourada coma un outeiro no outono.
Henry David Thoreau
THOREAU, H. D. (2012). Camiñando. Rianxo: Axouxere.
Fotografía: Ansel Adams