27 jun 2012

Mercado de Troco




Espazo de Troco é unha rede de varios colectivos composteláns que unha vez ao mes organiza un mercadiño de troco: un espazo aberto de encontro e intercambio, pero no que tamén aprendemos a ollar os obxectos que usamos doutro xeito, máis aló do seu valor monetario. Recollen así unha iniciativa que xa levaba dende o 2007 facendo en solitario a asociación ecoloxista Verdegaia. Falamos con Miguel, membro de Verdegaia.


En qué consiste a actividade?
É moi sinxelo, consiste basicamente nun troco directo: unha persoa trae unha ou varias cousas e os intercambia con outra persoa , ou con obxectos que alguén deixou. O feito de que agora participen máis colectivos na organización e se poida realizar unha vez ao mes permitiunos introducir algunhas novidades. Por exemplo, se non che gusta nada do que hai, podes levar un vale e intercambialo por un obxecto a próxima vez que se organice o mercadiño. Hai ademais un panel para trocar as cousas que son demasiado grandes para traer: un sofá, unha mesa... Colocas abaixo unha notiña co teu número de teléfono e calquera persoa que estea interesada pode chamarte. Agora queremos habilitar tamén un espazo web para un troco permanente.
Vós sodes unha organización ecoloxista. Cal é logo a relación entre o movemento ecoloxista e o troco?
Hai dous puntos: un está vencellado aos recursos e ao lixo: trocando cousas redúcese o consumo, e, por outra banda, ao non tirar os obxectos que xa non se utilizan evítase a produción de lixo. O outro punto está relacionado co feito de habilitar espazos para unha economía alternativa, saírse da lóxica monetaria do diñeiro e da economía capitalista. Neste sentido, a actividade do troco é tamén unha escusa para facer que a xente reflexione sobre a necesidade de buscar alternativas ao noso sistema económico.

No hay comentarios:

Publicar un comentario